sábado, 24 de enero de 2015

UN MORCEGO TERÍA SIDO O DESENCADEANTE DA EPIDEMIA DE ÉBOLA

O desencadeante da epidemia do ébola en África foi probablemente un morcego do tipo "Mops condylurus", segundo un estudo do Instituto Robert Koch (Alemaña) publicado pola revista científica 'Embo Molecular Medicine'.

De acordo con ese estudo, elaborado por un equipo internacional dirixido polo alemán Fabian Leendertz, o primeiro caso detectado dun paciente co virus foi un rapaz, na aldea guineana de Meliandou, en decembro de 2013.

Os rapaces dese lugar adoitaban xogar con morcegos dese tipo escondidos no tronco dunha árbore, segundo descubriu o equipo, polo que se deduce que este podería ter sido o transmisor da enfermidade a ese rapaz.

O equipo científico desprazouse en abril de 2014 a rexións fronteirizas entre Guinea, Liberia e Serra Leoa con intención de investigar a orixe da epidemia. Os investigadores acharon entre os restos queimados dunha árbore pegadas xenéticas do morcego, portador do virus dende antes de que estalase a epidemia.

Esta especie animal é capaz de sobrevivir ao virus e, ademais, en restos doutros morcegos acháranse así mesmo anticorpos do ébola.

Solicitaron informacións entre a poboación, ata chegar a situar o lugar onde ao parecer se infectara ese primeiro paciente e, finalmente, os restos da árbore onde xogaban ou queimaban a eses animais.

O número de persoas infectadas polo virus do ébola sitúase xa en 20.081, dos cales 7.842 teñen morto, segundo os últimos recontos da Organización Mundial da Saúde (OMS).

O país con máis casos é Serra Leona, con 9.409 contaxios e 2.732 falecementos, seguido por Liberia, con 7.977 infeccións e 3.413 mortes, mentres en Guinea se rexistraron 2.695 casos e 1.697 falecementos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario